VI XORNADAS SOBRE BIOCONSTRUCIÓN E ENERXÍAS RENOVABLES

O departamento de Edificación e Obra Civil está organizando as VI Xornadas sobre Bioconstrución e Enerxías Renovables como continuación da liña iniciada anos anteriores para ofrecer unha serie de actividades complementarias ás materias que se están a impartir nos diferentes ciclos da familia profesional e nas que destaca como característica principal o respecto polo medio ambiente e a saúde.

Estas actividades pretenden ser un complemento aos programas oficiais para ofrecer unhas ensinanzas máis completas cara á preocupación, cada vez máis intensa, da sociedade con respecto á proteción do medio ambiente e da saúde.

A bioconstrución é a forma de construír respectuosa coa vida na súa acepción máis ampla, xa sexa a vida dos moradores de ditas construcións, coma a vida do entorno máis ou menos próximo, e tamén a vida do planeta no seu conxunto, que cada vez están máis ameazadas polas diferentes actividades realizadas en nome dun desenvolvemento que di estar á procura de benestar para todos.

A produción da enerxía que facilite a realización das actividades da sociedade no seu planeamento actual é unha das ameazas máis fortes sobre o medio ambiente e que están a poñer en perigo a continuidade da vida no planeta. Efecto invernadoiro, quentamento global da atmósfera, choivas ácidas, etc. son consecuencias dunha liña de progreso claramente errado do que os nosos alumnos, como membros das novas xeracións teñen que ser conscientes para ter a posibilidade de mellorar a situación na medida da súa capacidade. Neste ámbito, desenvolver unha cultura do aforro enerxético é fundamental, xa que a enerxía que menos custa é a que non é necesario producir. Ademais, a produción por medio das enerxías renovables ofrece un modelo de desenvolvemento máis sostible que o actual.

Tras a aprobación do novo Código Técnico da Edificación, no que se fan obrigatorias as instalacións solares nos edificios, faise necesario a ampliación dos contidos impartidos nos ciclos formativos neste ámbito.

ANTECEDENTES

Na anterior ubicación da familia de Edificación e Obra Civil, o IES Fernando Wirtz, no ámbito das actividades complementarias realizadas polo departamento e tamén no das extraescolares promovidas polo Grupo de Educación Ambiental, realizou dende o curso 92-93 e de xeito continuado unha serie de actividades relacionadas coa enerxía solar, o aproveitamento enerxético, a reutilización e a reciclaxe de materiais, así como caa sensibilización ambiental da comunicade escolar mantendo unha evolución constante. Gran parte deste esforzo foi recollido nun traballo titulado “Hoxe cociña o sol” que se presentou á primeira edición dos Premios á Innovación Educativa sobre as Enerxías Renovables en Galicia convocados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), sendo merecedor do segundo premio cunha dotación por valor de 6.000 € consistente nun sistema solar térmico para a produción de auga quente sanitaria mediante colectores solares e outro de produción de electricidade mediante paneis fotovoltaicos, ambos emprazados no instituto, aínda que pendentes dunha instalación definitiva que lles permita ofrecer todo o seu potencial didáctico.O momento de máxima evolución deste percorrido sitúase no desenvolvemento das Xornadas de Bioconstrución e Enerxías Renovables coa colaboración de destacados especialistas ao longo das edicións anteriores.

Na actualidade existe unha grande aceptación por parte da comunidade educativa cara ás actividades organizadas no seo destas xornadas que ponse de manifesto nas múltiples solicitudes de colaboración con diferentes institucións relacionadas tanto coa educación como as Enerxías Renovables, entre elas cabe destacar: a conferencia inaugural do Congreso Galego de profesores de Tecnoloxía, a exposición temporal dos recursos didácticos para a aprendizaxe da Enerxía Solar no centro de interpretación das Enerxías Renovables do parque eólico experimental de Sotavento, a solicitude de outros institutos para impartir conferencias divulgativas sobre os temas desenvolvidos, a invitación a desenvolver un obradoiro sobre cociñas solares e o seu uso para a didáctica da Enerxía Solar no seo do Congreso Internacional sobre Enerxía e Educación, a solicitude por parte do CEFORE para impartir un curso sobre Bioconstrución para a formación do profesorado da familia profesional de Edificación e Obra Civil, e a solicitude por parte do CEFIRE de Torrent, na Comunidade Valenciana para impartir dous cursos de didáctica da Enerxía Solar coa axuda das cociñas solares.

OBXECTIVOS

Coa realización das xornadas preténdese:
  • Manter a continuidade dunha iniciativa de formación pioneira no sistema educativo e que nas anteriores celebracións amosou ser de gran interese para alumnado e profesorado.
  • Ofrecer aos asistentes as liñas básicas para o desenvolvemento de proxectos baixo o prisma da sostibilidade, tanto a nivel de construcións individuais coma de planeamentos urbanísticos, así como procedementos de execución e solucións constructivas nos que se dea prioridade ao respecto polo medio ambiente é a saúde.
  • Mostrar realizacións actuais de produción enerxética a través de procesos renovables e non contaminantes.
  • Sensibilizar na importancia do aforro enerxético e de recursos como forma de desenvolvemento sostible empregando como ferramenta a lei dos tres erres: Reducir, Reutilizar, Reciclar.
  • Complementar os contidos curriculares dos ciclos formativos da familia profesional no ámbito da Enerxía Solar tras a aprobación do novo Código Técnico da Edificación no que aparece a obrigatoriedade das instalacións de Enerxía Solar.
DESTINATARIOS

Os destinatarios das Xornadas de Bioconstrución e Enerxías Renovables son principalmente os alumnos e profesores dos ciclos pertencentes á familia profesional de Edificación e Obra Civil, poderase facer extensiva a participación a aqueles alumnos de bacharelato que pretendan estudiar carreiras relacionadas coa arquitectura ou a enxeñería.

Este ano van dirixidas tamén aos centros de outras Comunidades Autónomas cos que estamos traballado sobre o tema "Propuestas para una construcción sostenible: Bioconstrucción"

Se a temática a tratar é de interese para outras persoas alleas ao departamento, e sempre que o aforo do local o permita, non habería inconveniente na asistencia, previa comunicación ao coordinador das xornadas.

DESENVOLVEMENTO DAS XORNADAS

As xornadas desenvolveranse ao longo dunha semana, entre os días 12 e 16 de novembro de 2007 coa realización de diferentes actividades entre as que destacan:
  • Exposicións temáticas relacionadas coa bioconstrución e as enerxías renovables en diferentes formatos:
    · Bibliografía específica,
    · Documentación técnica,
    · Paneis fotográficos,
    · Paneis temáticos,
    · Materiais empregados en bioconstrución,
    · Cociñas solares e outros recursos didácticos para a aprendizaxe da Enerxía Solar.
    · Sistemas de captación solar térmicos e fotovoltaicos.
    · A bicicleta como medio de desprazamento sostible para un urbanismo sostible.
  • Xornada de conferencias relacionadas cos temas principais a desenvolver.
    · Coa concepción de substituír as clases habituais por outras impartidas por especialistas.
    · De esta forma suspéndense as clases de Edificación e Obra Civil para permitir a asistencia dos alumnos e profesores ás conferencias.
    Xornada de visitas técnicas a edificacións, construcións ou instalacións nas que se estean a empregar solucións de bioconstrución ou de enerxías renovables.
  • Xornada solar:
    · Na que se realiza unha demostración de funcionamento de diferentes modelos del cociñas solares como centro de interese para tratar con extensión todo o proceso de aproveitamento da enerxía solar a desenvolver nunha data do curso por determinar, xeralmente no mes de maio, pois é necesario ter garantía de pleno soleamento.
    · A mellor comprobación de funcionamento é a degustación da comida preparada, polo que o remate da xornada realízase cos participantes arredor dunha mesa comendo e compartindo impresións sobre a capacidade do sol como cociñeiro e as diversas posibilidades de aproveitamento cara o acondicionamento climático de edificios e á produción enerxética.

PROGRAMA: